Monday 29 de April de 2024

O Concello de Malpica adicará 85.000 euros para os traballos de humanización da rúa Igrexa


Logo deste proxecto, o peón cobrará protagonismo neste espazo, fronte ao tráfico rodado.

O Concello de Malpica adicará 85.459,72 euros para os traballos de humanización da rúa Igrexa. Logo do remate deste proxecto, o peón cobrará protagonismo neste espazo fronte ao tráfico rodado.
Darase continuidade así á labor humanizadora do centro urbano do municipio. Reducirase, polo tanto, a rúa no ancho previsto para o tráfico rodado e ampliarase a zona peonil. A intervención non é, en todo caso, unha actuación de carácter aillado, senón dunha idea de carácter global de continuidade dos proxectos da reforma integral das rúas Garda Civil José Antonio Pardines, Doutor Fleming e Travesía de Emilio González López, e que se pretende continuar cara a rúa Vila Fano e Emiio González López.
Para obter este resultado, procederase a retirar o mobiliario existente, coa intención de liberar a zona de actuación; demoleranse os pavimentos existentes, xerando unha nova vía adaptadas ás necesidades de tránsito de cada zona; realizaras a calzada a base de pedra de granito e formigón de cor natural, e realizarase unha nova rede separativa de saneamento, que substituirá á existente, moi deteriorada.
O alcalde, Walter Pardo, destaca que ‘estes traballos son un avance para que o peón cobre protagonismo fronte ao tráfico rodado, e facer unha Malpica máis humanizada’, destaca o rexedor.